OBRADOIRO DE RADIO DO ALUMNADO DE 6º

As nenas e nenos de 6º de educación primaria do CEIP López Ferreiro, participaron nun obradoiro de radio promocionado desde a biblioteca escolar do centro.

Isto foi posible grazas á colaboración que desde hai anos a biblioteca de Lulu mantén con organizacións como a Asamblea Galega de Cooperación pola Paz ou AGARESO (Asociación galega de reporteiros solidarios), e mesmo coa Universidade de Vigo, xa que unha das súas profesoras, Lourdes Maceiras, ofrecéranos unha charla sobre Isabel Zendal e as vacinas.

En dúas sesións de 100 min para cada grupo, provocouse unha reflexión sobre a "brecha de soños" entre as nenas e os nenos, ao tempo que escribían pequenas entrevistas. Posteriormente, elaboraron reportaxes sobre Isabel Zendal, unha muller galega que co seu esforzo e traballo contribuiu a erradicar unha das pandemias máis mortíferas da historia: a variola.


             


     

 

 


 

 











.

CARMEN, UNHA MULLER ANÓNIMA QUE REPRESENTA OS LABORES DO SILENCIO EN COMPOSTELA.

 

O curso pasado, todo o centro traballou nun proxecto documental que pretendía recoñecer, visibilizar e dar voz á xente que ao longo dos séculos, co seu esforzo e traballo, deu vida á cidade de Santiago de Compostela. 

Cristina, unha nena de 4ºA, acordouse da súa veciña Carmen, que traballara como lavandeira e redactoulle unha fermosísima composición sobre a súa vida. Este ano, realizoulle unha entrevista, pero quixo presentala acompañada das súas compañeiras Antía e Leire. 

Grazas, Carmen, por ser un exemplo de muller traballadora que xunto a outras, desde o silencio, soubestes loitar polo que hoxe somos.

OBRADOIRO DE RADIO CON CHARO PITA: MULLERES QUE ME INSPIRAN II


Neste curso tan especial, as diferentes actividades colaborativas da biblioteca  tiveron que reaxustarse á situación pandémica e aos protocolos necesarios para frear a súa expansión.

Deste xeito, o Equipo de dinamización da biblioteca do López Ferreiro,  propuxo que o alumnado de 4º participara nun obradoiro online de formación de radio con Charo Pita.

Vinte e cinco nenas e nenos iniciáronse nalgunhas técnicas sobre como redactar un guion radiofónico;  practicaron técnicas de locución e, sobre todo, descubriron e valoraron a vida dunhas mulleres intrépidas que logo plasmaron en sinxelas presentacións.

Velaquí están as súas producións.


LULU NAS ONDAS SÚMASE AO 25 N

 A   nosa radio naceu cunha perspectiva solidaria. Este curso, no que nos foi concedida a participación no programa Radio na biblio da Consellería de Educación, non podiamos deixar de lado o noso compromiso por defender a igualdade entre as nenas e os nenos.

Para iso, o alumnado de sexto, participou na actividade "Cambiemos a narrativa" subvencionada pola ANPA do CEIP López Ferreiro, e dirixida por AGARESO. Analizouse a linguaxe estereotipada e sexista que se emprega nos medios de comunicación; deseñouse contrapublicidade a partires das imaxes que nos rodean; e finalmente, as nenas e eos nenos crearon as súas cuñas publicitarias comprometidas coa igualdade de xénero. Poderán escoitarse o 24 e mais o 25 de novembro na Cadena SER.

Velaquí as súas producións:

PROXECTO PARA A NOSA RADIO ESCOLAR

https://issuu.com/carmen165/docs/guia_did_ctica_esr_2019-2020__1_

TAMÉN HOUBO RADIO NO CONFINAMENTO

Contamos con alumnado, como Xaquín, Alba, Iria e Cecilia de 5º A,  que pese a estar confinado, tivo a motivación e interese para crear un podcast sobre unha banda de música feminina e  presentalo aos Premios Martín Códax, organizado por Músicas ao Vivo e Radio Espora. 
Primeiro había que seleccionar a banda feminina para pór en valor ás mulleres na música galega, e decidíronse por A banda da loba




Comprobaron que era un grupo moi activo nas redes sociais, así que contactaron con elas para coñecelas un pouco mellor. Tiveron que acordar un guion, e cada quen, na súa casa, gravou a súa parte. E aquí está o resultado:

ESTAMOS CONTRA O MACHISMO

A nosa biblioteca promoveu actividades en colaboración con AGARESO, asociación que xuntamente coa ANPA, desenvolveu no noso centro o programa "Cambiemos a narrativa", cun triple obxectivo: 

- Fomentar a participación social das ANPAS e o alumnado
- Xerar conciencia crítica sobre as causas da desigualdade de xénero e a violencia machista
- Empoderar ao alumnado a través do manexo e bo uso das tecnoloxías da comunicación.




Unha das propostas foi desenvolver unha Onda Feminista. Con dúas sesión de radio para alumnado de 100 minutos cada unha, reflexionouse sobre a linguaxe que utilizamos, a música que escoitamos, as mensaxes que emitimos... E como arte práctica, houbo elaboración de cuñas publicitarias, que logo serían emitidas en radios locais.



Aquí están os exemplos: